10/05/2005    Actividades
II Xornadas sobre as profesións xurídicas
Dende o 9 ao 13 de maio no campus ourensán
A. Sousa  | Ourense
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle durante esta semana as II Xornadas sobre as profesións xurídicas. Durante cinco días, do 9 ao 13 de maio, todos os estudantes que aspiren a enforcar o seu futuro profesional nalgunha das moitas posibilidades que ofrece a titulación de Dereito poderán recibir información de primeira man sobre as súas características, funcionamento e posibilidades de acceso.
      170 participantes, entre alumnos e licenciados que xa remataron o ano pasado a carreira, toman parte nestas xornadas tentando clarificar a que profesión dedicarse unha vez rematen a licenciatura.
      Inauguradas onte polo decano da facultade, Pedro Rabanal Carbajo e o presidente da Organización precursora de iniciativas do campus de Ourense, Iago Fariñas Valiña, nestas xornadas participarán avogados, inspectores de traballo, rexistradores da Propiedade, notarios e fiscais, entre outros.
      Para Iago Fariñas, organizador destas xornadas, este é un vello soño. “As anteriores fixéronse fai cinco anos, cando eu comecei a carreira e a min gustáronme moito, polo que me quedei coa idea de organizar eu algo así antes de irme da facultade”.
      Arturo Fernández Estévez, decano do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense e Alejandro Pérez Garrido, director da Escola de Práctica Xurídica, foron os encargados de dar a primeira charla, sobre o acceso ao exercicio profesional de avogado.
      Arturo Fernández sinalou a facilidade con que se pode acceder á profesión de avogado: “simplemente hai que acabar a carreira, e solicitar a inscrición como exercinte no Colexio de Avogados onde se teña o despacho”. Para o conferenciante, esta facilidade debería acabar: “cunha certificación de non ter antecedentes penais, una declaración xurada de non ter causa de incompatibilidade, incorporarse á mutua correspondente, dúas fotos e 950 euros xa se pode exercer en Ourense”.
      Esta simpleza no acceso é exclusiva de España, xa que no resto dos países comunitarios fai falla un exame de acceso: “Este é o único país comunitario que non o ten, e así só se consegue que exista unha crise na profesión. Nos bos tempos a cidade de Ourense tiña uns 60 avogados, e agora existen entorno a 900”.
      Para Arturo Fernández, a solución a este problema pasa por instaurar a chamada “lei de acceso”: “España está nunha situación anacrónica, fai anos que se fala de aprobar esa lei, pero non se atreven a facelo. O Ministerio de Xustiza prometeu que o faría este ano, pero non sei se lles dará tempo”, explicou. Con esta lei aprobada, os licenciados en Dereito deberían pasar por un exame para poder exercer, como fan os notarios.
      Tras eles, José Orban Sousa e Víctor González Adán, ambos avogados, explicaron o exercicio profesional de letrado, mostrando as vantaxes e inconvenientes da profesión aos estudantes.
      Hoxe as xornadas tratarán de explicar as saídas do Dereito nas institucións da Unión Europea, o acceso á carreira diplomática e o exercicio profesional de procurador.
      
      

Volver | Portada de hoxe | Portada doutra data

Área de Calidade da Universidade de Vigo
  Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación - ATIC
  Relacións Internacionais -ORI
  Oficina de I+D
  Medio Ambiente OMA
  Deportes
  Área de Normalización Lingüística (ANL)
  Área de Posgrao Virtual
  Biblioteca
  Cátedras de Empresa
  Extensión Universitaria
  Cidade Universitaria
  EXTRA verano 2004
  GUVI por Brainstorming