Vigo, 16 de Abril de 2005 - Nº 848

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Dous equipos da Universidade participaron por vez primeira na Liga Nacional de Debate Universitario


Equipos de Vigo e de Ourense

Duvi

A Universidade acudiu por primeira vez a Liga Nacional de Debate Universitario que tivo lugar a pasada fin de semana en Valladolid. O apoio do Vicerreitorado de Extensión Universitaria fixo posible que un equipo de estudantes da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación e outro da Facultade de Dereito ourensá participasen na competición que contou con 72 equipos. Iago Fariñas, capitán do equipo do campus de Ourense, indicou que tanto el como os seus cinco compañeiros acudiron a Valladolid “sen ningunha aspiración de gañar, senón coa finalidade de adquirir experiencia e ver o seu funcionamento”. Fariñas amosouse satisfeito á volta da competición, a pesar de que ningún dos dous equipos que representaban á Universidade puido acceder á fase final que finalmente gañou a Universidade de Zaragoza ante un dos equipos da USC. No torneo de debate participaron 72 equipos divididos en dezaseis grupos, nos que o primeiro clasificado xogaba a fase eliminatoria final. Os equipos tiñan que preparar os temas do debate dende dúas perspectivas, xa que ata cinco minutos antes do comezo non se sabía quén defenderá a postura a favor e quén a contraria. Ao equipo do campus vigués tocoulle debater na primeira fase sobre a utilidade do carné de conducir por puntos para reducir os accidentes de tráfico, mentres o de Ourense tivo que debater sobre a eutanasia. Julio Redondas, capitán do equipo da E.T.S.E. de Telecomunicación, sinalou tamén que a experiencia é un dos factores esenciais neste tipo de competicións. Ademais, os xuíces valoran a capacidade de oratoria, a riqueza das argumentacións e o grao de confrontación á hora de conceder ás puntuacións para cada equipo . Os debates comezan cunha exposición de cinco minutos por parte do equipo que defende a postura a favor e, ó remate, é a quenda do seu opoñente. A segunda fase consiste en catro quendas de seis minutos nos que, alternativamente, cada equipo ten a oportunidade de refutar os argumentos do seu opoñente. Finalmente, o debate péchase con dúas intervencións de tres minutos para expoñer as conclusións e as argumentacións finais. Para Iago Fariñas, é moi importante “aprender a axustarse ao tempo de cada intervención” para evitar penalizacións por parte dos xuíces. Ademais, un bo orador debe contar cunha boa capacidade retórica e un equipo de documentación axeitado que lle axude na preparación dos temas. As dúas delegacións agradeceron o apoio do Vicerreitorado de Extensión Universitaria para poder desprazarse a Valladolid e confiaron en que a experiencia adquirida nesta edición poida axudarlles a ser máis competitivos o ano que ven en Zaragoza.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by