Vigo, 26 de Outubro de 2006 - Nº 1147

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Iago Fariñas, vicedecano da Facultade de Dereito de Ourense:

“Sempre me gustou estar nos lugares onde se toman as decisións para poder, polo menos, opinar”


Iago Fariñas

Duvi

Iago Fariñas é desde o pasado mes de xullo o vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais da Facultade de Dereito do campus de Ourense. Con 27 anos e aínda formando parte do sector alumnado, toma o cargo con ilusión e a responsabilidade de saber que, a pesar da xuventude, ten moitas cousas que ofrecer e cambiar, e se non pode, polo menos de deixar a súa opinión e a dos seus representados: os estudantes. Que vantaxes ten estar no cargo de vicedecano sendo tan novo? Ao ser o encargado dos temas dos estudantes, como non deixo de ser un alumno máis, hai unha maior conexión. Estamos a un mesmo nivel, iso propicia que me digan as cousas sen pelos na lingua e así sei por onde debo tirar. A título persoal, o cargo sírveme para continuar formándome e aprendendo, así como relacionarme, coller unha bagaxe dentro da institución universitaria que me permita coñecer a súa situación. E cales son os inconvenientes? Pola miña xuventude, carezo de experiencia en xestión. Ademais, pola miña condición de vicedecano, aínda que siga sendo alumno, teño que utilizar un discurso máis moderado con outros estamentos. Teño que ter presente que ante todo son estudante, non chegarme a crer o carto, e tratar a cadaquén como se teña que tratar. Crees que os alumnos teñen unha referencia en ti? Haberá xente á que lle pareza ben e outra á que lle pareza mal. De momento hai boa iniciativa, e moitas persoas que antes me tomaban como referencia para certas cuestións, agora o fan con maior lexitimidade. Desde a miña posición actual considero que teño máis facilidades para axudar ao alumno e canalizar as súas demandas pola miña colaboración co decanato. Cales son os proxectos que estás a levar a cabo na Facultade de Dereito? A miña prioridade nestes momentos é a promoción do centro. A Universidade está perdendo alumnado e o ideal é intentar facer crecer a matrícula. Como primeira iniciativa, inserimos anuncios na prensa. Para a primavera, temos a intención de visitar todos os institutos da provincia de Ourense para dar a coñecer a Facultade de Dereito, xa que hai xente que se marcha a facer a carreira a outras institucións porque non coñece o noso centro. Noutra orde de asuntos, en breve tentaremos celebrar un xuízo simulado, no que os propios alumnos actúen como membros da xudicatura. Contamos con que acuda xente da Audiencia, que previamente sería estudada polos participantes na representación. Ademais tentaremos escoller un xuízo atractivo tanto para os actores como os asistentes. Tamén teño en mente levar a cabo as III Xornadas de Saídas Profesionais de Dereito e as II Xornadas Xurídico –Sociais, así como no segundo cuadrimestre realizar prácticas de visitas guiadas a diferentes institucións, autonómicas, nacionais e incluso europeas. Creo que se consigo sacar adiante todo isto, vai supor unha boa promoción para o centro e que espero repercuta no tema da matrícula. No que se refire ao día a día, encárgome do tema das aulas de informática e os seus bolseiros e de actualizar a páxina web. Este curso ademais es bolseiro da ORI. Que tal a experiencia? É un tema enriquecedor onde coñeces a moita xente, pero que hai que dedicarlle tempo se o queres facer ben. Creo que se necesitaría un bolseiro por centro, sobre todo porque coñecen máis a realidade de cada facultade en torno ás materias, xa que eu aos de Dereito podo “molestalos” máis, pero no resto non. Hai unhas semanas que Rodrigo González tomou o relevo á fronte de Opico. Unha vez fóra da presidencia, que balance fas deses seis anos? Dentro da Universidade foi unha das experiencias máis enriquecedoras que tiven, unhas das cousas que me proporcionou un alto grado de formación. Permitiume un acceso ás tripas da institución universitaria, organizar actividades e relacionarme con xente de primeiro nivel. Asemade, constituíu unha aprendizaxe no saber estar, en saber tratar con diferentes persoas e moverte en distintos ambientes. Se volvera a entrar na Universidade, volvería a formar a asociación, sen dúbida, porque aínda que ao principio as cousas ían a modo, a última etapa foi moi activa e iso supuxo coller importancia na Facultade de Dereito. Este ano foi tempo de deixar a presidencia e creo que a xente que está ten aptitudes e ganas de facer cousas. Vicedecano, bolseiro, estudante, onde queda o tempo libre? A verdade que me é difícil desconectar. Son unha persoa que me gusta facer as cousas ben e asesorarme con varias persoas para non meter a pata, polo que estea onde estea sempre saco algún tema dos que me andan en mente. Por exemplo, este verán acudín aos cursos do Escorial, e pesar de ser tempo libre, tiven momentos para contactar con xente que nun futuro poden vir a Ourense para impartir algunha conferencia. É que sempre me gustou estar nos sitios onde se toman as decisións, aínda que só sexa para poder opinar.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by