Vigo, 19 de Setembro de 2006 - Nº 1121

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

A vida regresa aos tres campus co inicio das clases

Os nervios e os actos de benvida foron protagonistas do día


Imaxes do día

Duvi

Caras novas, reencontros cos vellos compañeiros, diferentes profesores e, sobre todo, moitos nervios e ilusión. Esas foron as claves dun día como o de onte no que a Universidade de Vigo iniciou as clases. Unha data é que algúns centros como a E.U. de Fisioterapia de Pontevedra, a facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo ou a de Historia de Ourense celebraron cun acto de benvida aos novos alumnos. Porén, a nova facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra atrasou o inicio do curso ata o vindeiro 3 de outubro, posto que os traballos do edificio se están ultimando. Á espera de que se cubran as 3.025 prazas ofertadas pola institución en setembro, os novos universitarios comezaron os seus estudos superiores con diferentes actitudes. “Aínda que estamos un pouco nerviosos, pareceunos que a carreira vai ser asequible”, comentou Andrea Santos de primeiro da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (LADE). O seu compañeiro de clase, Daniel Vázquez tivo unha boa impresión dos docentes que coñeceu, aínda que xa tiña referencias sobre algún deles. “Falei con rapaces doutros cursos e comentáronme algo sobre os profesores, pero ata que os coñeza non poderei dicir nada”, afirmou. Diferentes opinións Non todos os que están en primeiro son novos na educación superior, senón que hai alumnos que neste ano académico optaron por cambiar de titulación. Ese é o caso de María Taboada que estudaba Filoloxía Inglesa e que agora se matriculou en LADE. Taboada está contenta co cambio e asegurou que “os profesores son menos esixentes e intentan facilitarche máis as cousas”. Niso tamén coincide a súa compañeira Priscila Rodríguez, que comentou que “os docentes anímante a seguir na carreira, aínda que che avisan que terás que traballar pola túa conta para completar a súa materia”. Nun día como o de onte, a desorientación foi habitual en moitos dos novos universitarios. “Estamos un pouco desconcertados e, sobre todo, notamos que a xente non se relaciona moito, senón que xa veñen co seu grupo de amigos creado”, asegurou Isabel Botana, alumna de primeiro de Dereito Económico. Catarina Valeije matriculouse na mesma titulación e confesou que “pensaba que o primeiro día ía ser dunha maneira moi diferente a como foi”. Ademais, sorprendeuse de que moitos profesores comezasen a impartir teoría. Pero a volta ás clases tamén foi para os estudantes doutros cursos, a pesar de que tiveron pouco tempo de vacacións, xa que os exames acabaron a semana pasada. Natalia Ramilo, de segundo de LADE, confesou que “necesitaríamos uns días máis para desconectar antes de empezar as clases, pero así polo menos non perdes a costume de estudar”. A situación foi moi distinta para elas. “Chegamos máis confiadas e notamos moito cambio respecto do anterior ano, por iso comprendemos ben aos alumnos de primeiro”, explicou Raquel Cambra, do mesmo curso. Ourense As aulas do campus ourensán rexistraron pouca actividade no primeiro día de curso. Os estudantes fóronse achegando a contagotas ao longo da xornada para interesarse por horarios, materias e profesorado e, sen dúbida, as facianas de maior desconcerto pertencían aos alumnos de primeiro curso. Esta incerteza xa coñecida doutros anos é o que provocou que a maioría dos centros das Lagoas optaran por celebrar un acto de benvida para os novos universitarios co obxectivo de situalos na experiencia que acaban de comezar. A Facultade de Historia, enmarcado dentro do que é o seu plan de acollida, abriu as súas portas aos futuros historiadores explicando as peculiaridades do centro e da titulación, os espazos nos que se vai a mover o alumno e unha visión dos órganos de goberno e da páxina web da facultade e da Universidade. “O espírito crítico, o gusto pola lectura e a tolerancia son algunhas das calidades que lles presentamos aos recen chegados como o perfil que terá éxito na titulación”, indicou a decana do centro, Susana Reboreda, que anunciou a celebración nuns días dunha festa de acollida con xornada de comercio xusto e actuacións musicais. A presentación na Escola Superior de Enxeñería Informática caracterizouse pola presenza de xente aínda pendente do aprobado nas probas de acceso de setembro. Aparte das cuestións propias da titulación, tanto académicas como profesionais, e da escola, fíxose un percorrido polas actividades da delegación de alumnos, de GULO e do proxecto Trisquel para incidir na idea de que a etapa universitaria “é algo máis que acudir a clase”, segundo afirmou o director do centro, Enrique Barreiro. O vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais da Facultade de Dereito, Iago Fariñas, foi o encargado de recibir aos futuros letrados, aos que lles instou a perder a vergoña que caracteriza os primeiros días de carreira e animounos a que tomaran con ganas a titulación. “Dereito non é só ser avogado, as empresas e asesorías tamén nos reclaman e de cara ás oposicións xogamos con vantaxe ao contar cunha moi boa base”, subliñou Iago. No acto de benvida na Facultade de Ciencias, os alumnos de primeiro recibiron información acerca da estruturación en créditos das materias e as súas tipoloxías, dos programas de intercambio cos que conta o centro e das webs da Universidade. Os responsables do servizo de deportes e da biblioteca do campus acudiron tamén para explicar actividades e ofertas de ambos entes, charlas que se teñen previsto repetir en todos o centros de Ourense, xunto co persoal de actividades culturais. Pola súa banda, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, os corredores acadaron máis protagonismo que as aulas, xa que se ateigaron de xente na busca de formularios e matrículas. Desde o decanato do centro informouse da celebración dun acto inaugural a principios de outubro.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by