Vigo, 08 de Xullo de 2006 - Nº 1109

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Premios da Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense

Os estudantes distinguen a Mazaira, Rabanal e Ocampo pola súa colaboración coa asociación universitaria

O martes celebrarase a entrega dos galardóns


Rabanal, Mazaira e Ocampo

Duvi

O anterior vicerreitor do Campus de Ourense, Andrés Mazaira, e o xa ex-decano de Dereito, recibirán os Premios á Colaboración Universitaria, outorgados pola Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense. Xunto con eles, no acto que terá lugar o vindeiro martes, tamén será galardoado Camilo Isaac Ocampo, subdelegado do Goberno e profesor do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación. Segundo explicou Iago Fariñas, coordinador desta asociación de estudantes, “esta é a primeira vez que levamos a cabo esta iniciativa e a idea xurdiu para destacar a todas aquelas persoas que ao longo do curso colaboraron con nos e recoñecer a axuda que prestaron nas actividades que realizamos”. Fariñas, que dende esta semana é vicedecano da Facultade de Dereito, destacou o papel relevante destes tres persoeiros no desenvolvemento das Xornadas Xurídico Sociais no mes de maio. Segundo explicou, “Andrés Mazaira, como vecerreitor, tivo sempre as portas abertas para nós e Francisco Rabanal, como decano do centro, estivo sempre aí e colaborou arroupándonos e realizando xestións que estaban lonxe das nosas mans para traer a determinados invitados”. Por outra banda, Iago salientou que con estes premios tamén se pretende animar a que outra xente colaborase con Opico. A asociación Opico é xa unha asociación consolidada, despois de seis anos de traballo, orientada e xurdida de estudantes e para estudantes. Segundo, o seu coordinador trátase dunha iniciativa “universitaria, cultural e xuvenil de estudantes do Campus de Ourense que naceu no 2000 coa intención de representar os intereses de todos os estudantes da Universidade, buscando que sexa unha institución pública, gratuíta e de calidade”. Baixo o lema Porque a Universidade somos todos esta organización xurdiu no seo da Facultade de Dereito e foise estendendo ata ter na actualidade representantes en todos os centros, no claustro e en xuntas de facultade. “Somos arredor de 35 membros activos pero como socios contamos arredor de 100 persoas”, destacou o coordinador, que deixará de selo no mes de setembro cando se elixa unha nova directiva. Así, Iago Fariñas poderá dedicarlle máis tempo as súas tarefas como vicedecano, para o que optará “pola continuidade intentando que a facultade sexa unha soa e estreitando a relación entre os membros”. Para isto amosouse inclinado a seguir o camiño do anterior decano, Rabanal, e destacou como tema fundamental a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior para o que se organizarán cursos formativos entre os alumnos. Outra das liñas de actuación que destacou o novo vicedecano vai encamiñada á promoción do centro. “Hai moitos estudantes de secundaria que queren estudar Dereito aos que temos que dirixirnos para que coñezan as vantaxes da nosa facultade e dun campus urbano, aberto e cheo de posibilidades”.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by